
Despois de moito esforzo, podemos felicitarnos porque Drosera e o Grupo de Anelamento Anduriña xa somos propietarios dunha parcela de carballeira madura na parroquia de Ardán (Marín).
Pertencente en parte a unha antiga devesa real, a carballeira exténdese entre as parroquias de Cela (Bueu) e Ardán (Marín), albergando interesantes poboacións de especies florísticas e faunísticas.
Destacamos, porque nos toca máis na fibra, as sorprendentes poboacións reproductoras de morcegos forestais como Myotis bechsteinii, Barbastella barbastellus e Nyctalus leisleri, entre outros.
Agardamos contribuir deste xeito á conservación de especies forestais ameazadas e queremos que este sexa un primeiro paso para a conservación deste fermoso e ameazado bosque caducifolio morracense.
Non podemos deixar de agradecer á Obra Social de Caixa Catalunya a concesión da axuda para o proxecto "Conservación de refuxios importantes para quirópteros en Galicia" realizado por Drosera, que permitíu facer realidade esta adquisición.

